Contos, lendas e xogos de nenos

Estes contos son os que se contaban as noites de inverno á beira do lume…

O GOUÑO BLANCO

Se vas ao Vilar e tiras polo Porto da Canda, cruzando o rego da Brañega, e indo polo camiño do Teixo antes da concentración había unha pedra blanca moi grande que pesaría varias toneladas (agora xa non se ve).

Conta a lenda que o trouxo ás costas unha vella que viña comendo zamelos.

O TRASNO

Funche pro muín e veuche un cordeirín e túveno acariciando: “vente meu pequenín que che quero muito”. E quenteino ben, fixen o lume, e quenteino ben, e cando o tiña ben quentado, déuseme en estirar e marchou dicindo: “Jujurujú, as nenas da Granda quentáronme o cú”.

Photo by Rajukhan Pathan on Pexels.com

A LENDA DO CUCO E MAILA PEGA

En tempos pasados o cuco e maila pega cacarexeira acordaron labrar unha leira de trigo en común e bueno, labrárona e cando foi o tempo segárona e recollérona. E cando foi de medar, a pega medaba e o cuco tiraba os mollos. Como a pega é tan lixeira o cuco tiraba, a pega daba o salto e asentaba o mollo, e tira, e tira, e tira…. E o cuco xa non daba máis, non daba tirado mollos e cansado xa de tirar, antes de acabar díxolle á pega: “Tíraos tú, que te coma o demo que eu voume”. E desde aquela o cuco en canto ve o trigo segado xa colle e vaise.

Photo by Tima Miroshnichenko on Pexels.com

O CURA

Un día naceu unha nena e un cura a bautizou, tan guapa Dios a deu, que o cura dela se namorou, mentres seus pais viviron, el con ela non puido tar, en canto seus pais morreron, el foina buscar un día. Unha noite no mes de febreiro, el a foi buscar aló a media noite, a mau á cabeza lle botou, e encontrouna fría e morta e marchou para Roma confesar co pai santo para que lle perdoase e no medio do camín, cun pobre se encontrou: para onde vas gran cura, para onde vas traidor, voy andando para Roma a ver se o padre santo me perdoa. Se queres que eu te confese, eu te confesarei, heiche dar tres penitencias, dúas pequenas e unha grande, a primeira ha de ser que barras as calles desde Madrid a León, eso é pouco miña vida, eso é pouco meu amor, díxolle o cura, e contestoulle o pobre: compra unha arroba de cera e métete de pavilón, eso é pouco miña vida, eso é pouco meu amor, métete no forno ardente, métete no último vapor, tándose espindo unha voz do ceio baixou, quítate de aí bon cura, corpo santo criouse.

DE POR QUE OS CADELOS SE CHEIRAN O CÚ

Contan que cando Xesús andaba predicando pola terra, chegou certo día a unha igrexa e atopou na porta unha cagada dun can.

Por alí só andaba un can e Xesús como se podía entender con eles, preguntoulle se fora el. O cadelo dixo que non e Xesús preguntoulle se estaba seguro. O cadelo volveu a negar pero como non podía ser outro, Xesús condenou a tódolos cans a irse cheirando os cús ata atopar o culpable. De momento parece que aínda non o encontraron…

sanmarcos1

A APOSTA DE SAN XORXE E SAN MARCOS

Din que San Xorxe e San Marcos apostaron unha mula e xógana cada ano no seu día. Se chove día de San Xorxe e o día de San Marcos non, gaña a mula San Marcos. E se resulta que o día de San Xorxe quenta o sol e chove o día de San Marcos, gaña a mula San Xorxe. Moitos anos quedan a pré, ou chove os dous días ou quenta o sol os dous días.

O que non sabemos é se alguén leva a conta para saber, ata o de agora, quen gañou máis veces.

A RAPAZA NAMORADA NA FONTE

A rapaza namorada vai á fonte e aproveita para ver ao seu amado. A ela o tempo pásalle voando aínda que en maio os días son moi longos e di:

Días de maio,

días de tristura,

que aínda ben non amence,

xa é noite escura“.

E estos son algúns xogos para nen@s e non tan nen@s…

MANXORRIÑA

Cóllese a man do cativo e vanse dando caricias mentras dicimos:

“Manxorriña, manxorriña,

come pan e ceboliña,

mira o gato no unto:

(sinalamos cara riba)

¡chápalle o punto!

(e damos un golpe despaciño na man)

Photo by TheOther Kev on Pexels.com

A PEGA REBULDÁ

Aquí trátase de dicir a cantiga sin respirar ata que non se poida máis e a pega deixe de poñer ovos:

“Unha pega rebuldá

puxo un ovo na ventá,

puxo un e rebuldou

puxo dous e rebuldou

puxo tres e rebuldou

puxo catro e rebuldou

…….

puxo “x” e estoupou”.

AS CATRO ESQUINAS

Sitúanse 4 nenos/nenas en candasúa esquina, e un/unha no medio, que vai elixir a unha persoa e irá a xunto dela e preguntaralle: “na túa casa hai lume?”, ao que lle responde, “non, pero naquela hai fume”, sinalando a un/unha compañeiro/a, a persoa do centro entón dirixirase cara a que lle sinalou, momento no cal as das esquinas teñen que cambiar de lugar e a do centro tentar coller unha esquina. E así se repetirá as veces que desexen.

CANTO PESAS

Póñense os dous nenos de costas e engánchase polos brazos. Un dobrarase cara adiante polo que levantará ao outro, quedaralle ás costas e entón o que está soportando o peso pregunta:

“¿Canto pesas?”

O de riba contesta:

“100 artesas”

O debaixo volve a preguntar:

“¿Canto vales?”

“100 reales”

Entón o de debaixo érguese e deixa ó outro no chan dicindo:

“Póusate que non os vales”

SIERRA SERRUCHO

Esta está en castelán pero é que nos sabémola así. Entre dous collen ó neno, un polos brazos e outro polos pés e empezan a movelo dun lado a outro dicindo:

“Sierra serrucho

siérralo bien

que estamos en casa

de un hombre de bien”

E entón agora entre os dous súbeno e báixano 3 veces, ten que dar co cú no chan e din:

“Cuña, cuña, cuña”.

E déixano sentado no chan.

O ARRÍNCATE NABO

Sentaranse os nenos uns encima doutros. Entre eles agarraranse pola cintura. Un dos nenos quedará de pé e será o que arrincará os nabos. Terá que ir tirando dos nenos un a un ata que sexa capaz de arrincalos a todos dos brazos dos compañeiros.

Photo by Pixabay on Pexels.com

¿E QUE QUERES MELLOR?

Esta é unha pregunta para facerlle aos cativos para tomarlles o pelo.

Hai que dicir: “¿E ti que queres mellor, 7 furados na cabezaou un cú coma unha cesta?

O cativo mirará desconfiado… e ti ¿que dis?

¿Cantos furados tés na cabeza?

¿QUERES IR A LUGO OU A SAMARUGO?

Non recordo moi ben como era o conto. Penso que se o cativo elixía Lugo o levantaban polas orellas e se elixía Samarugo, o levantaban pola cabeza suxetándoa á altura das orellas. Pero se alguén se acorda e nolo conta, será ben recibido.

Photo by Pixabay on Pexels.com

REI REI

Cando se che pousa un rei, rei (mariquita), empezas a dicir:

“Rei, rei, casarei, ¿cantos anos vivirei? 25 e non o sei”.

Entón empezas a contar: un, dous, tres… Cando o rei rei sae voando, ese número, é a idade que vas chegar a vivir.

CRISTO BAIXOU

Este é un xogo para facer a nenos pequenos. Baixas co dedo por diante do fuciño mentras dis:

Cristo baixou”

E entón voltas cara riba, máis cerca do fuciño do feito que tropeces con el mentras dis:

“E o subir tropezou”

O GALO

Este a min facíanmo polas mañás cando espertaba moi dormida. Trátase de abrir a boca e na frente do cativo, pegarlle os dentes apretando un pouquiño cantar: “cacaracá” ou “quiquiriquí”, por iso se chama “O galo”.

HAI PITOS NA TÚA CASA

Aquí trátase de mancar ao neno dalgunha maneira (suaviño): collerlle un belisco, retorcerlle a man… Mentras lle preguntas: “¿Hai pitos na túa casa?

O neno, aínda que non teña pitos dirá: “¡ai!“. E entón deixas de mancalo para que o neno diga non. Volves a facerlle o mismo e voltará a dicir: “¡ai!“, e será cando lle digas outra vez: “Pero, ¿hai ou non hai?“.

Pódese repetir tantas veces como se queira.

O XOGO DOS BOLOS

O xogo dos “bólos” era outro dos típicos da zona (en galego normativo xogo dos birlos) e a pedra que hoxe en día está na Cadeira antigamente estaba na Insua, alí se xuntaba a veciñanza e podían pasar o día enteiro xogando, normalmente os homes, e as mulleres achegábanse a ver e pasar unha xornada divertida. Material: “bólos” de madeira e a bóla.

Podíase xogar en rea (12 “bólos” situados un á carón do outro) ou ao canteiro (9 “bólos” situados paralelamente en grupos de 3 cunha separación entre eles duns 10 cm). Había unha marca no chan que se chamaba fite dende a cal se tiraba a bóla, e a 7 metros estaría a pedra onde se situaban os “bólos” e a 9 metros desta a primeira liña de tantos (10 tantos), e a 4 metros desta a outra liña de tantos (20 tantos). O xogo consistía, tanto na rea como no canteiro, pasar o maior número de “bólos” e a bóla por diante desas liñas de tantos para puntuar o máximo, claro que en rea era moito máis complicado, iso si, tanto nunha modalidade como noutra, os “bólos” que quedaban tirados na pedra sumaban un punto cada un.

A BILLARDA

Era un xogo de nenos e homes, como tantas outras cousas daquela época, e a moitos nenos non lles deixaban xogar porque o consideraban perigoso.

Materiais precios: un pau longo, duns 50 cm aproximadamente, chamado palán e un máis curto, duns 15 cm e aguzado polas dúas puntas, que é a billarda propiamente dita.

O xogo podía consistir simplemente en ver quen lanzaba a billarda máis lonxe ou ben se marcaba unha portería e se tentaba meter na mesma a billarda co menor número de lanzamentos posibles.

E como se lanzaba a billarda? Pois poñíase no chan a billarda e co palán golpeábase nun dos extremos para levantala no aire e volver a golpeala co palán e ver onde chegaba.

O ARO

O xogo aínda que pareza sinxelo ten o seu misterio. Consiste en levar o aro coa guía sen que caia o maior tempo posible.

EN CASTELÁN TAMÉN TEMOS ALGÚN

Para xogar en corro. Hai un neno no centro do corro e cando se nombra a outro, ese pasa para o centro e así van cambiando uns nenos por outros.

“Al levantar una lancha una jardinera vi,

que entre sus lindas flores una rosa ha escogido.

Jardinera, tú que entraste en el jardín del amor,

de esas rosas que tú tienes dime cual es la mejor.

La mejor es una rosa que se viste de color,

del color que se le antoja a (nome persoa).

Muchas gracias jardinera por el gusto que has tenido,

muchas niñas en el corro y a mí sola me ha escogido”.


Para elixir aos membros dos equipos. Os dous líderes de equipo agarran as mans e suben os brazos mentras os outros nenos van pasando polo medio ata que acaba a canción e o que queda no medio elixe equipo.

“Pasen todos los milicianos,

todos cuantos quieran pasar,

el de delante corre mucho

y el de atrás se quedará”.


“Pasimisí, pasimisá

por la puerta de Alcalá,

el de alante corre mucho

y el de atrás se quedará”.

E aquí algún xogo de cartas

O CÚ CAGADO

O xogo consiste en poñer tódalas cartas boca abaixo nunha mesa e hai que ir dicindo:

“Eu non teño o cú cagado”

(dáselle a volta á carta)

“Eu tampouco non o teño”

(dáselle a volta á carta)

“E eu tampouco”

(dáselle a volta a carta)

E volvemos a empezar:

“Eu non teño o cú cagado…”

Ata que alguén da co as de ouros e entón ¡perde!

O BURRO

Sácanse un cabalo e unha sota da baralla e repártense o resto de cartas da baralla a partes iguais entre todos os que queiran xogar. Cada un fai parellas coas cartas que lle toquen: 2 reis, 2 cabalos…

Cando non poida facer máis parellas, toca roubar por turnos das cartas dos compañeiros para ir eliminando cartas.

Perde quen se quede con cartas.

O UN, DOUS, TRES

Neste xogo o que máis importa é a velocidade. Repártense as cartas da baralla entre tódolos que xoguen. Por orden hai que ir deixándoas amontoadas dicindo: “un, dous, tres,…, sota, cabalo e rei”. A rolda ten que ir moi rápido porque, cando una persoa di un número e coincide co que está a botar, ten que recoller tódalas cartas que haxa no montón e volver a ir deixándoas. Pero, ¿que pasa? Que se se fai ben rápido e o seguinte que ten o turno a pisa, é ese o que ten que recoller tódalas cartas. Perde quen se queda con cartas na man e terá un burro da idade do número de cartas que lle queden.